miércoles, 2 de febrero de 2011

O fracaso escolar

O noso país ocupa os primeiros postos da Unión Europea en procentaxe de fracaso escolar e paro. Seguramente algunha relación hai entre ambos problemas. E a situación non parece mellorar senón que vamos a peor.


Como profesor e pai (os profesores tamén somos pais) teño unha hipótese sobre o fracaso escolar que xa fun apuntando en varias entradas deste blog. Certamente a causa non é única, pero entendo que existe un eixo vertebrador do fracaso: as dificultades de aprendizaxe que, por motivos diversos, teñen algúns alumnos. Estudiar é un esforzo e cando o traballo e tempo dedicados ao estudio non son rendibles, os rapaces e rapazas desmotívanse.
A normativa legal establece o principio de inclusividade do sistema educativo, pero a realidade nas aulas móstranos que rexe o principio de exclusividade e que estamos a preparar aos rapaces para que sexan profesores universitarios. A tal fin fixamos un nivel e uns obxectivos tan altos que só poden ser alcanzados por aqueles que teñen un desenvolvemento cerebral moi superior á media correspondente á idade. Neste sentido o profesor convértese nunha especie de xuíz que decide quen pode seguir os estudios e quen ten debe abandonar. En cáseque tódolos institutos hai algún profesor (xeralmente máis de un) ao que non lle aproba en xuño máis alá dun 20 ou 25 %. ¿Quen é o causante desta situación, o alumnado ou o profesor?
Como profesor non entendo como hai algúns compañeiros que só se preocupan de aqueles alumnos que van ben e dedícanse a actividades de ampliación (e de máis nivel) rexeitando as actividades de reforzo por considerar que a súa función é a de preparar a potenciais profesores universitarios (que logo irán ao paro por mor da escasa demanda).
Tampouco entendo que se obrigue a un rapaz ou a unha rapaza a asistir a clase ata os dezaseis anos para devolverllos aos pais, sen ningún título, dicíndolles que os leve para a casa porque non serven para estudiar. ¿Tan malos profesores somos que non fomos capaces de espertar un mínimo de motivación para que obtiveran o título da ESO?
Segundo información de La Voz de Galicia, a Unión Europea suxiriulle a España que se axude aos nenos na súa aprendizaxe evitando as condicións que poidan desencadear o abandono prematuro.
Teño falado con algúns profesores, directores e inspectores e míranme como a un bicho raro e, no mellor dos casos, danme a razón como a un tolo para logo desentenderse do tema.
Aínda que son experto educativo do Ministerio de Educación e en Madrid son moitos os técnicos educativos que están de acordo comigo, xa estaba comezando a pensar que probablemente estaría equivocado, motivo polo cal me resultou alentadora a lectura da opinión firmada por Roberto Blanco Valdés en La Voz de Galicia titulada "El fracaso escolar es un fracaso de España" co que estou de acordo con algúns matices:

  • Tamén é un fracaso dos profesores.
  • Lengua, lingua e literatura non son asignaturas amables: son unha das principais causas do fracaso escolar na ESO.
  • Certamente o nivel dos libros de texto é alto porque deben abarcar as actividades de ampliación; pero non son os libros os que marcan os obxectivos senón o currículo. Pero realmente tén razón Roberto Blanco xa que logo se avalía en base ao nivel do libro e non ao do currículo.

Coincido plenamente con Roberto Blanco en que a mellor forma de desmotivar a un rapaz ou rapaza é fixar un nivel de esixencia que só poden superar os dous ou tres máis capaces.
Non debemos esquecer que o ensino non só ten un caracter propedéutico (base para posteriores estudios) senón tamén terminal (formación cultural da poboación), nin pensar que todos van a ser profesores universitarios ... a maioría terá outro oficio no futuro, e moitos optarán pola formación profesional que, ao fin e ao cabo, é a que máis necesita o noso país para saír da crise do desemprego.

No hay comentarios: