lunes, 5 de diciembre de 2011

Twitter para docentes

No blog de TotemGuard hai unhas interesantes subxerencias sobre a utilidade do emprego de Twitter para os profesores.

martes, 29 de noviembre de 2011

Tipos de alumnos

A aula é un ecosistmema no que cada elemento desempeña un rol ou función. É o que en ecoloxía se coñece como nicho ecolóxico.
Ainda que cambien os individuos, é imprescindible que existan elementos que desempeñen as diferentes funcións para que o ecosistema sexa completo. A única variabilidade posible é o número de individuos que desempeñan as diferentes funcións.
Nesta presentación recóllense, dun xeito bastante efectivo, os diferentes roles ou funcións que teñen que desempeñar os elementos da clase.

domingo, 27 de noviembre de 2011

Premio á elaboración de recursos educativos dixitais

Concedéronnos un premio pola elaboración de recursos educativos dixitais.
A información recóllese na Web da Consellería de Educación.
O noso traballo é unha unidade didáctica sobre a atmosfera terrestre para Ciencias Naturais de primeiro de ESO que pronto vai a estar a disposición do profesorado entre os recursos Abalar.
Esta é a imaxe de familia dos premiados xunto ao Conselleiro, o Director Xeral de Educación e a Secretaria Xeral de Modernización e Innovación Tecnolóxica.


A noticia foi publicada no número 246 de "A escola do Faro" (de Vigo) do 13 de decembro de 2011.

viernes, 14 de octubre de 2011

Ano internacional dos bosques


Xa que a ONU declarou o ano 2011 como o ano internacional dos bosques, nada mellor que ver a primeira animación premiada con un Oscar.

viernes, 7 de octubre de 2011

Resumen histórico da illa de Arousa

Na web da Cámara de Comercio de Vilagarcía de Arousa hai un interesante resume da historia da illa de Arousa.
Polo visto na zona de Quilma existiu un castro, e Dopico confirmoume que en documentos antigos existe o topónimo Castro de Quilma.
Nesa zona atopei unha curiosa rocha da que incluimos unha foto no informe do premio Voz Natura que gañou o IES A Basella no ano 1998. O curioso é que ten un aspecto semellante a un menhir, e estamos a investigar sobre ela. Esta é foto:

sábado, 19 de marzo de 2011

Frases célebres sobre o ensino

A motivación, tanto para o alumnado como para o profesorado, xoga un importante papel no proceso de ensino-aprendizaxe. As frases célebres son un recurso motivador que en poucas palabras sintetizan un gran pensamento.

Nos seguintes enlaces atoparemos un un recopilatorio de frases célebres atribuidas a ilustres persoaxes. En algún momento podemos recurrir a elas para facer pensar aos nosos alumnos sobre a importancia da súa formación.

domingo, 13 de febrero de 2011

Universitarios en apuros para ler e escribir

Hoxe publícase na Voz de Galicia un interesante grupo de artigos sobre o nivel de ensinanza dos universitarios no que destacan as queixas dos profesores da Universidade respecto da baixa capacidade de comprensión e expresión oral e escrita do alumnado.
O obxecto da educación é formar seres aptos para gobernarse a si mesmos e non para ser gobernados polos demáis (Herbert Spencer)

Persoalmente veño observando que o alumnado de secundaria se atopa con tremendas dificultades cando lle propoño un exercicio de razoamento. Prefiren os exames nos que teñen que memorizar as definicións que, obviamente, responden ao pe da letra como se dunha oración relixiosa se tratara para esquecela ao cabo de poucas horas de rematar o exame.
Este é tamén un aspecto do que se queixan os profesores universitarios: o alumnado chega acostumado a un método memorístico a base de repetir sen facer nada, o que provoca que a aprendizaxe autónoma, que é o pilar do plan Bolonia, non funcione.
O alumnado carece da capacidade de aprender a aprender xa que prefire recibir clases maxistrais como axente pasivo antes que realizar tarefas de aprendizaxe como axente activo da súa propia aprendizaxe.
Para o profesorado tamén resulta desalentador ver como o alumnado perde o tempo ao ser incapaz de realizar as tarefas educativas propostas, ao tempo que parecen esixir a volta aos anticuados sistemas que lle resultan tan cómodos: memorizar uns apuntes e soltalo nun exame. Isto tamén me sucede a min; pero cando non queda máis remedio xa o creo que espabilan.
Non obstante é un dilema a problemática da expresión. Opina o profesorado que antano os universitarios chegaban mellor preparados na área de linguas. Nos meus tempos no bacharelato, as linguas non eran materias que se suspenderan e na actualidade os estudantes teñen tantos problemas para aprobar como antano tiñamos coas matemáticas e a física. Hoxe van a máis clases particulares de linguas que de matemáticas. E o número de horas é como mínimo o dobre do que tiñamos nos meus tempos (castelán e galego). ¿Cómo é posible, logo, que estean peor preparados que nós?
Non o entendo, certamente; pero no artigo indícase un parágrafo no que pode atoparse unha das claves: “o sistema educativo non soubo priorizar o importante e agora atopámonos con que os alumnos teñen dificultade para expresarse, para entender e incluso para razoar”.
Creo que nos meus tempos de estudante as linguas eran moito máis fáciles para aprobar que agora; pero facíamos lecturas de textos curtos que logo analizabamos e interpretabamos para descubrir que é o que quería dicir o autor con aquel texto. Era, polo tanto, unha aprendizaxe non memorística das linguas e na que se aplicaba o principio de aprender realizando tarefas que requirían do razoamento.
Daquela non existían plans lectores nin boas bibliotecas nos centros; pero gustábanos ler e íamos ás bibliotecas das caixas de aforros que eran as mellor dotadas da cidade. Tamén comprabamos e intercambiábamos libros. Quizás hoxe coa televisión e Internet perdeuse aquel hábito de lectura que tiñamos os estudantes. ¿Ou será unha rebelión contra a lectura obrigatoria?
Penso que como profesores de secundaria debemos potenciar a aprendizaxe por proxectos e tarefas xa que está demostrado que o 90 % do memorizado se esquece mentres que se recorda o 60 % do que se fai. É moito máis cómodo chegar a unha clase e soltar un roio que demostra a nosa erudición na materia que cualificar o traballo que realizan ou non os alumnos e alumnas; pero non cabe dúbida de cal é dobremente máis efectivo.
Como lle digo aos meus alumnos do ciclo de Química Ambiental cando se queixan de que os exercicios e exames non consisten en soltar un texto memorizado:
- Cando entres a traballar nunha empresa, o teu xefe non che vai a pedir que lle soltes un roio sobre xestión ambiental, senón que pretenderá que lle xestiones ambientalmente a súa empresa.
Pero para descorrer hai que ter motivación e interese, mentres que chapar é unha función mecánica que podemos gardar nun disco ou nunha chuleta. Hoxe nin sequera ten sentido gardala na memoria do noso cerebro, o que me recorda a sabiduría que encerran as frases de Einstein e Montaigne citadas na entrada anterior deste blog.
Podo buscar unha definición ou unha información en Internet sen plaxiar a ninguén; pero construir ideas propias a partir dos meus coñecementos demostra unha intelixencia superior á do meu ordenador... pero a acumulación de coñecementos illados será tan inutil como un disco duro desorganizado no que resulta imposible atopar nada.

sábado, 5 de febrero de 2011

A sabiduría



Non necesito sabelo todo.Tan só necesito saber onde atopar o que me faga falta cando o necesito.

--------------------------------- Albert Eintein

O neno non é unha botella que hai que encher, senón un lume que hai que prender.

--------------------------------- Montaigne


miércoles, 2 de febrero de 2011

O fracaso escolar

O noso país ocupa os primeiros postos da Unión Europea en procentaxe de fracaso escolar e paro. Seguramente algunha relación hai entre ambos problemas. E a situación non parece mellorar senón que vamos a peor.


Como profesor e pai (os profesores tamén somos pais) teño unha hipótese sobre o fracaso escolar que xa fun apuntando en varias entradas deste blog. Certamente a causa non é única, pero entendo que existe un eixo vertebrador do fracaso: as dificultades de aprendizaxe que, por motivos diversos, teñen algúns alumnos. Estudiar é un esforzo e cando o traballo e tempo dedicados ao estudio non son rendibles, os rapaces e rapazas desmotívanse.
A normativa legal establece o principio de inclusividade do sistema educativo, pero a realidade nas aulas móstranos que rexe o principio de exclusividade e que estamos a preparar aos rapaces para que sexan profesores universitarios. A tal fin fixamos un nivel e uns obxectivos tan altos que só poden ser alcanzados por aqueles que teñen un desenvolvemento cerebral moi superior á media correspondente á idade. Neste sentido o profesor convértese nunha especie de xuíz que decide quen pode seguir os estudios e quen ten debe abandonar. En cáseque tódolos institutos hai algún profesor (xeralmente máis de un) ao que non lle aproba en xuño máis alá dun 20 ou 25 %. ¿Quen é o causante desta situación, o alumnado ou o profesor?
Como profesor non entendo como hai algúns compañeiros que só se preocupan de aqueles alumnos que van ben e dedícanse a actividades de ampliación (e de máis nivel) rexeitando as actividades de reforzo por considerar que a súa función é a de preparar a potenciais profesores universitarios (que logo irán ao paro por mor da escasa demanda).
Tampouco entendo que se obrigue a un rapaz ou a unha rapaza a asistir a clase ata os dezaseis anos para devolverllos aos pais, sen ningún título, dicíndolles que os leve para a casa porque non serven para estudiar. ¿Tan malos profesores somos que non fomos capaces de espertar un mínimo de motivación para que obtiveran o título da ESO?
Segundo información de La Voz de Galicia, a Unión Europea suxiriulle a España que se axude aos nenos na súa aprendizaxe evitando as condicións que poidan desencadear o abandono prematuro.
Teño falado con algúns profesores, directores e inspectores e míranme como a un bicho raro e, no mellor dos casos, danme a razón como a un tolo para logo desentenderse do tema.
Aínda que son experto educativo do Ministerio de Educación e en Madrid son moitos os técnicos educativos que están de acordo comigo, xa estaba comezando a pensar que probablemente estaría equivocado, motivo polo cal me resultou alentadora a lectura da opinión firmada por Roberto Blanco Valdés en La Voz de Galicia titulada "El fracaso escolar es un fracaso de España" co que estou de acordo con algúns matices:

  • Tamén é un fracaso dos profesores.
  • Lengua, lingua e literatura non son asignaturas amables: son unha das principais causas do fracaso escolar na ESO.
  • Certamente o nivel dos libros de texto é alto porque deben abarcar as actividades de ampliación; pero non son os libros os que marcan os obxectivos senón o currículo. Pero realmente tén razón Roberto Blanco xa que logo se avalía en base ao nivel do libro e non ao do currículo.

Coincido plenamente con Roberto Blanco en que a mellor forma de desmotivar a un rapaz ou rapaza é fixar un nivel de esixencia que só poden superar os dous ou tres máis capaces.
Non debemos esquecer que o ensino non só ten un caracter propedéutico (base para posteriores estudios) senón tamén terminal (formación cultural da poboación), nin pensar que todos van a ser profesores universitarios ... a maioría terá outro oficio no futuro, e moitos optarán pola formación profesional que, ao fin e ao cabo, é a que máis necesita o noso país para saír da crise do desemprego.