domingo, 3 de enero de 2010

O conflicto do idioma chega ás aulas

Falando con propiedade, non chega senón que se potencia. O idioma é un dos principais bastións da identidade nacional. Como galegos deberíamos sentirnos orgullosos do noso idioma e da nosa cultura; pero non é así en tódolos casos.
Por esta razón, dependendo de quen goberna, quéreselle impoñer ao resto dos cidadáns os criterios e puntos de vista do poder.
Non creo que as imposicións de un ou do outro lado favorezan para nada a defensa do noso idioma.
Mellor dito: non creo que a imposición do galego favoreza o seu uso. De feito aí o vemos na actitude da xuventude que se decanta por falar en castelán nunha época na que a formación en ligua galega é a máis alta da historia. Tampouco me parece lóxico que a lingua galega sexa a materia máis dificil do currículo educativo, superando ás tradicionais matemáticas. Non comparto a idea de que unha materia ou un profesor teñan máis méritos por ser os que máis suspenden. Ao contrario: un bo profesor é aquel que consegue que a meirande parte dos seus alumnos e alumnas acaden os obxectivos pedagóxicos.
Por certo, algo falla na pedagoxía das linguas cando con tantas horas de clases similares (a gramática galega, castelá ou de calquera outro idioma teñen aspectos coincidentes) o alumnado é incapaz de expresarse oral e verbalmente con corrección gramatical. Quizás os obxectivos non están adaptados ao desenvolvemento mental correspondente á idade.
Pola contra, creo que a actitude do goberno actual fará xurdir un sentido nacionalista de defensa do galego, tal como ocorreu na época da dictadura franquista. Foron moitas as agresións que sufriu a nosa lingua ao longo da historia; pero nunca estivo en tanto perigo como na época actual na que ata nas aldeas os rapaces que estudian en galego na escola, ao saír da clase falan en castelán entre eles. Non foron as agresións contra o galego as causa desta perda de galegofalantes, senón a imposición e a exaltación que non buscaba seducir aos rapaces para que falaran galego, senón convertela na materia máis difícil de aprobar.
Como profesor o asunto aféctame porque levo varios anos preparando os meus materiais pedagóxicos en galego e adaptándome ás novas tecnoloxías. ¿Terei que pasarme o traballo de traducilo ao castelán e ao inglés en función da opinión dos pais segundo as consultas periódicas que se fagan aos pais? ¡Menuda coña!
É tamén afirmar que dou as miñas clases en galego porque me da a gana. Non porque a normativa así o establece. Que eso é outra: sempre considerei que o idioma no que se imparte unha clase debería de formar parte da liberdade de cátedra. Eu non teño problema en aclararlle a un alumno unha cuestión en castelán se así o entende mellor: forma parte da atención á diversidade.
Sempre fun da opinión, e así o discutín en varias ocasións, de que para lograr que os profesores impartiran as súas clases en galego o había que facer con estímulos positivos e non con castigos, sancións e persecucións. Vexo que esta idea foi adoptada polo presidente da Xunta como medida para estimular o ensino en inglés. Veredes como ten máis éxito que a imposición das clases en galego. Xa vexo a gran parte do profesorado asistindo a clases de inglés para atreverse.
Certamente hai outras causas, esta non é a única. A globalización, a europeización, Internet, ... A globalización é un perigo para as linguas minoritarias e non tan minoritarias. O inglés estase a impoñer no mundo occidental e só o castelán lle fai fronte. Nesta situación o resto das linguas están en franca desvantaxe.
¿É a solución impoñer o idioma minoritario a ultranza e darlle importancia converténdoo na materia máis difícil? Ou, pola contra, ¿non sería mellor un reforzo positivo que seducira aos galegos para sentirse orgullosos de falar unha lingua propia e cunha historia quizáis máis longa que a da lingua castelá?
Cando estudiaba en Cataluña, alá pola época da dictadura franquista, na Universidade había clases en castelán e en catalán. Podíamos asistir á que quixéramos, e a pesares das dificultades que para un galego supuña asistir a clases en catalán, esa foi a miña decisión porque me seduciu a idea de aprender ou entender o catalán.
Paréceme normal que cada quen estea acariñado co curruncho onde naceu, e ese amor polo seu pobo, zona ou como queiramos chamalo debe estimularse porque non só é o idioma, senón tamén unha cultura e unhas características peculiares e propias que se deben manter fronte á globalización. A longo prazo todo desaparecerá, porque as linguas maioritarias tamén morren: aí temos o exemplo do latín que foi a lingua dun dos maiores imperios da historia. Sen embargo morreu deixando detrás de sí a moitas linguas fillas.
Pero tampouco se trata de plantarlle batalla á globalización. Sexamos globais pero con idiosincrasia.
Porque realmente somos cidadáns do mundo global e as fronteiras son algo ficticio que cambia ao longo da historia. Precisamente para que algúns poidan vivir ás costas dos cidadáns coa disculpa de que os gobernan e protexen. Os ecosistemas non teñen barreiras reais senón límites imaxinarios. Xa o dicía a canción de Soledad Bravo:

Entre tu pueblo y mi pueblo
hay un punto y una raya (bis).
La raya dice no hay paso
el punto vía cerrada (bis).

Y así entre todos los pueblos
raya y punto, punto y raya (bis).
Con tantas rayas y puntos
el mapa es un telegrama (bis).

Caminando por la vida
se ven ríos y montañas (bis)
se ven selvas y desiertos
pero ni puntos ni rayas (bis).

Porque estas cosas no existen
sino que fueron trazadas (bis).
Para que mi hambre y la tuya
estén siempre separadas (bis).
(Soledad Bravo – Punto y raya)



11 Punto y raya.mp...

Sinto non haber atopado a versión orixinal.

domingo, 13 de diciembre de 2009

Analfabetos do futuro

Navegando por Microsiervos atopei unha frase que nos afecta aos profesores e coa cal estou totalmente dacordo xa que a idea que transmite apoia a miña práctica docente. Para dicilo doutro modo, este é o meu concepto do ensino na situación actual cando a información está ao alcance de calquera: Temos que ensinarlle ao alumnado a buscar, seleccionar e utilizar a información para afrontar a vida diaria. A frase é do psicólogo Herbert Gerjuoy:
Os analfabetos de mañá non serán os que non aprenderon a ler, senón os que non aprenderon a aprender.

viernes, 11 de diciembre de 2009

Exames de selectividade

Ainda que non sexa do meu campo, paréceme moi interesante esta web na que se explica, empregando vídeos, a resolución de 450 exercicios de selectividade de matemáticas.

Exercicios de selectividade de varias materias podemos consultalos en Selectividad.tv, onde están clasificadas as preguntas e as respostas por temas. Bastante parecida é Clases de apoyo, na que se da resposta aos exames completos. Tamén a de Educared.

Para Bioloxía e Xeoloxía son interesantes as cuestións e solucións desta páxina.

Libro de exercicios de matemáticas e física e química resoltos.

Ejercicios Selectividad Resueltos Matematicas Fisica Quimica

sábado, 24 de octubre de 2009

Cogumelos de Galicia

Agora que estamos no outono, a tempdad dos cogumelos, penso que vén ben un repaso ás guías das setas. Tiña a intención de facer cos alumnos unha exposición de setas no Instituto; pero as materias xa non son o que eran. Agora xa non se estudian este tipo de cousas nos Institutos. E posto que só teño dúas horas semanais corro o risco de non cumprir o temario.
Para quen lle interese coñecer os cogumelos galegos aquí vai un enlace. E para quen queira coñecer algúns nomes galegos aquí vai outro.

jueves, 8 de octubre de 2009

Estratexias de aprendizaxe

"As estratexias de aprendizaxe fan referencia aos métodos que usan os estudiantes para aprender".
Con esta frase comeza o interesante knol de Gladys Gahona sobre técnicas de estudio.

domingo, 6 de septiembre de 2009

Que vai pasar co ciclo de Química Ambiental?

O INCUAL (Instituto Nacional das Cualificacións) ten publicadas as cualificacións profesionais a partir das cales se están a deseñar os ciclos formativos das diferentes familias profesionais. O ciclo de Química Ambiental que se imparte no IES A Basella pertencía á Familia Profesional Química; pero non se atopa no novo listado desta familia.


Víñase falando, desde fai tempo, de que os contidos do ciclo de Química Ambiental se incorporarían á Familia Profesional de Medio Ambiente, pero non necesariamente co mesmo nome. Revisado o INCUAL, estas son as cualificacións da nova familia profesional denominada "Seguridad y Medio Ambiente" que se vai a crear.
As cualificacións estructúranse en tres niveis. O primeiro cunha titulación, o segundo con sete e o terceiro, ou superior, con catro.
Polo tanto este ciclo desaparece e non vai a ser substituído por ningún semellante (xa que os seus contidos distribuiránse en catro titulacións que incorporarán novos contidos). En todo caso haberá que decidir se impartir algún dos novos ciclos da familia química ou da familia de medio ambiente. Ou, tamén, rachar con todo e comezar de novo. Ou incluso quedar sen ningún ciclo.
Así, pois, seguramente este será o último ano en que poida obterse esta titulación que ofrece unha ampla marxe de opcións laborais na xestión ambiental das empresas e outros campos ambientais que nas novas titulacións xa pertencerán á familia profesional de medio ambiente na que as competencias serán distribuidas en varios títulos de dous anos completos. Estamos, pois, ante unha ocasión única e privilexiada para obter un título polivalente respecto dos futuros ciclos formativos.
Fai un ano que intento atoparlle resposta ao futuro deste ciclo e parece ser que non hai ninguén que o saiba, a pesares de que nestes momentos estou participando na elaboración dos deseños curriculares da nova FP e estou en contacto cos máximos dirixentes da reforma. A estas coclusións cheguei pola miña propia conta e risco despois de revisar o INCUAL. Se as miñas conclusións están equivocadas agradecería as correspondentes rectificacións ou opinións.

NOTA: As cualificacións do INCUAL foron definidas polos expertos profesionais das diferentes empresas da familia profesional. Non teñen que transformarse necesariamente en títulos formativos. Esta función correspóndenos aos expertos educativos que, considerando as cualificacións propostas temos que definir os correspondentes títulos que as incorporen. Deste xeito, incluso sería posible (anque o considero pouco probable) que os expertos educativos elaboraran a partir desas cualificacións demandadas polos empresarios un título ou ciclo formativo que se denominara "Química Ambiental". Vistas as cualificacións paréceme máis probable que o seu nome faga referencia á xestión ambiental na empresa e se perda a vinculación coa química. Pero serán os expertos educativos participantes os que o decidan.