domingo, 6 de septiembre de 2009

Que vai pasar co ciclo de Química Ambiental?

O INCUAL (Instituto Nacional das Cualificacións) ten publicadas as cualificacións profesionais a partir das cales se están a deseñar os ciclos formativos das diferentes familias profesionais. O ciclo de Química Ambiental que se imparte no IES A Basella pertencía á Familia Profesional Química; pero non se atopa no novo listado desta familia.


Víñase falando, desde fai tempo, de que os contidos do ciclo de Química Ambiental se incorporarían á Familia Profesional de Medio Ambiente, pero non necesariamente co mesmo nome. Revisado o INCUAL, estas son as cualificacións da nova familia profesional denominada "Seguridad y Medio Ambiente" que se vai a crear.
As cualificacións estructúranse en tres niveis. O primeiro cunha titulación, o segundo con sete e o terceiro, ou superior, con catro.
Polo tanto este ciclo desaparece e non vai a ser substituído por ningún semellante (xa que os seus contidos distribuiránse en catro titulacións que incorporarán novos contidos). En todo caso haberá que decidir se impartir algún dos novos ciclos da familia química ou da familia de medio ambiente. Ou, tamén, rachar con todo e comezar de novo. Ou incluso quedar sen ningún ciclo.
Así, pois, seguramente este será o último ano en que poida obterse esta titulación que ofrece unha ampla marxe de opcións laborais na xestión ambiental das empresas e outros campos ambientais que nas novas titulacións xa pertencerán á familia profesional de medio ambiente na que as competencias serán distribuidas en varios títulos de dous anos completos. Estamos, pois, ante unha ocasión única e privilexiada para obter un título polivalente respecto dos futuros ciclos formativos.
Fai un ano que intento atoparlle resposta ao futuro deste ciclo e parece ser que non hai ninguén que o saiba, a pesares de que nestes momentos estou participando na elaboración dos deseños curriculares da nova FP e estou en contacto cos máximos dirixentes da reforma. A estas coclusións cheguei pola miña propia conta e risco despois de revisar o INCUAL. Se as miñas conclusións están equivocadas agradecería as correspondentes rectificacións ou opinións.

NOTA: As cualificacións do INCUAL foron definidas polos expertos profesionais das diferentes empresas da familia profesional. Non teñen que transformarse necesariamente en títulos formativos. Esta función correspóndenos aos expertos educativos que, considerando as cualificacións propostas temos que definir os correspondentes títulos que as incorporen. Deste xeito, incluso sería posible (anque o considero pouco probable) que os expertos educativos elaboraran a partir desas cualificacións demandadas polos empresarios un título ou ciclo formativo que se denominara "Química Ambiental". Vistas as cualificacións paréceme máis probable que o seu nome faga referencia á xestión ambiental na empresa e se perda a vinculación coa química. Pero serán os expertos educativos participantes os que o decidan.

domingo, 2 de agosto de 2009

Recursos educativos en Cuadernalia

Cuadernalia é unha comunidade educativa con interesante información para o profesorado. Tamén recopila unha colección de recursos educativos para tódolos niveis de ensino e para tódalas materias.
Tamén en Educasites se recopilan recursos educativos.

domingo, 24 de mayo de 2009

Lei de protección da paisaxe de Galicia

Acceso a un documento do Colexio de Inxeñeiros de Camiños sobre a normativa e outros temas.
Tamén se pode descargar o BOE que recolle a ratificación e o Convenio Europeo da Paisaxe e as bases para a aplicación do convenio en España.
Asimismo pódese descargar un método de valoración da paisaxe costeira proposto polo Departamento de Edafoloxía do Colexio Universitario de Ourense.
E un modelo de ficha de avaliación paisaxística.

jueves, 21 de mayo de 2009

Métodos de análisis de lodos e solos

Podemos descargar un método analítico no que se indican graficamente os procesos para facilitar a realización.

domingo, 10 de mayo de 2009

Transformación de coordenadas xeográficas a UTM

Atopeime varias veces co problema de transformar coordenadas xeográficas a UTM e viceversa. Na web do Instituto Geográfico Nacional hai unha pequena utilidade que nos fai este traballo.
Para transformar coordenadas xeográfica a UTM.
Para transformar coordenada UTM a xeográficas.
Para transformar coordenadas en formato GML a WTCS.
Tamén conta cun interesante servicio cartográfico (WMS, WFS, WCS, WPS, CSW, SLD e WCTS).
Tamén conta cunha serie de servicios para desenvolvementos cartográficos.

viernes, 24 de abril de 2009

Webquest sobre as Competencias Básicas

Non tes claro este asunto das competencias? Fai esta webquest e verás todo máis claro.

As competencias básicas no sistema educativo

Estes últimos meses andan as Comisións Pedagóxicas dos institutos intentando organizar a introducción das competencias básicas como un elemento fundamental do currículo educativo, xa que como case todos sabemos, a avaliación que ata o de agora se facía sobre os obxectivos tendo como referencia os criterios de avaliación deberase facer a partir de agora a través das competencias básicas.
As competencias son o conxunto de coñecementos (contidos conceptuasis), destrezas (contidos procedementais) e actitudes (contidos actitudinais) necesarios para a realización persoal a través do currículo (obxectivos) que se avalían indirectamente a través dos criterios de avaliación.
Moitos profesores xa avaliabamos competencias específicas de cada área. Agora tamén temos que avaliar as competencias correspondentes a outras áreas e incluso transversais a todas as áreas.
De tódolos xeitos estamos algo, pouco ou moi desorientados sobre a metodoloxía de incorporación ao currículo. O Departamento de Educación do Goberno Vasco elaborou un documento clarificador: "Las competencias básicas en el sistema educativo"



Tamén o Centro do Profesorado de Linares, da Junta de Andalucía ten unha serie de documentos moi interesantes para axudarnos nesta tarefa.